Uma vísita a Santigo de Compostela, em pleno Ano Santo 2010, o que se descobre. . .
'As Dúas Marías': Unha vida de resistencia fronte á represión franquista
Entrevistamos a Henrique Rivadulla Corcón director do documental 'Coralia e Maruxa. As irmás Fandiño'.
Marcos S. Pérez - 09:00 14/04/2008
Tags: dúas marías documental irmáns fandiño rivadulla corcón
A estatua das Dúas Marías, situada na entrada da Alameda de Compostela, é ben coñecida por todos, santiagueses ou non. De aí partiron grandes manifestacións nos últimos anos, e moitos coñecen a sigularidade destas dúas mulleres que en plena ditadura escandalizaban os poderes estabelecidos coa súa actitude provocadora e as súa roupa de cores. Na mente de todos ficaron como dúas tolas, pero detrás de todo iso hai unha historia de represión política na guerra e na postguerra. O documental que este venres se estrea, dirixido por Rivadulla Corcón, conta a verdadeira historia das irmás Fandiño, "a cor naquela cidade tan gris".
En Compostela, e practicamente en todo o país, case todo o mundo oíu falar das 'Dúas Marías' e viu a súa estatua na Alameda. Pero realmente coñécese a súa historia?
A historia coñécese moi superficialmente. En Compostela hai moita xente que as recorda, que vía como saían pasear todos os días pola zona vella ás dúas da tarde ('as dúas en punto', así as chamaban), e que lembra a forma en que ían vestidas, con cores moi vivas, todo un espectáculo para a época, sobre todo tratándose de dúas mulleres, e sobre todo tratándose de Compostela. A cidade nos anos cincuenta e sesenta era un lugar moi gris, en moitos sentidos, e entre a cor da pedra e que a xente ía vestida de negro e gris, de maneira moi austera, daba a impresión de ser unha cidade moi triste. Elas dúas eran a cor nese mundo gris.
Estaban tolas, como quedou en parte na conciencia colectiva, ou había algo máis detrás desa actitude?
Esa actitude levaba a pensar a todo o mundo que elas estaban tolas. Ademais eran moi retraídas e mantiñan unha relación moi distante cos veciños, permanecían recluídas na casa e negábanse a saír pola noite. En realidade a verdadeira razón de por que vestían así, ou se estaban tolas ou non, só o saben elas. Pero hai unha serie de feitos históricos innegábeis que de seguro influíron.
Relacionadas coa militacia anarquista da familia...
Si, a familia Fandiño Ricart eran once irmáns, e cando menos tres deles eran militantes moi destacados da CNT en Galiza, tan destacados que un deles, Antonio Fandiño, chegou a ter responsabilidades moi importantes na CNT a nivel estatal durante a guerra. No 36 un dos irmán foi paseado, e outros dous fuxiron e estiveron agachados durante anos, sendo finalmente detidos e encarcerados.
Elas sufriron a represión dos fascistas?
A policía presionounas moito a elas dúas, para que revelasen onde se agachaban os seus irmáns. Non houbo forma de demostralo até o momento, pero sábese que foron torturadas pola policía, e dise que unha delas foi violada no Pedroso. Pódese entender que en parte a súa 'loucura' ou a súa actitude estraña partise de aí, ou tamén poderiamos pensar que a 'loucura' fose simplemente un disfrace que elas usaban para sobrevivir nesa situación tan dura. Había unha represión directa, e había outras formas de represión; elas eran costureiras, pero despois da guerra as familias 'ben' de Santiago deixaron de facerlles encargos, por pertencer elas á familia á que pertencían, por pertencer aos vencidos.
De que vivían?
Eran de familia humilde, fillas dun zapateiro, e despois da Guerra vivían moi mal, pero ían aguantando grazas á caridade e á axuda de moitas persoas da cidade. Pero era un tipo de caridade moi particular. En parte porque non estaría ben visto darlles publicamente unha axuda, e porque elas non a aceptarían, moita xente deixáballes cartos en varios comercios da cidade, sobre todo no Supermercado Carro (que aínda existe), na praza do Toural. Alí, Tito Carro dáballes comida e outros produtos cos cartos que fora deixando a xente, pero enganábaas dicíndolles que eran promocións dos produtos, agasallos das marcas... Seguramente elas sabían a verdade, pero seguían o xogo.
Daquela os cidadáns composteláns queríanlles ben...
Conta Fermín Bescansa que nos anos sesenta unha treboada acabou co tellado da súa casa, e que para arranxalo organizouse unha colecta. En moi pouco tempo recadaron 250 mil pesetas, que na época era unha cantidade impresionante, máis o menos o que custaba un piso. Tamén conta Bescansa que cando entraron arranxar o teito, viron as ruíns condicións nas que vivían, pois a casa non tiña nin chan, que era de terra.
En definitiva non podemos saber con certeza se a súa actitude rebelde tiña unha intencionalidade política...
Non hai probas de que elas militasen na CNT, pero é moi posíbel que así fose. E en calquera caso, parece claro que tiñan unha ideoloxía de esquerdas. Polo tanto, creo que podemos pensar que a súa actitude era plenamente consciente e decidida, un acto de rebeldía e provocación ao réxime. Tamén era moi provocador, para a época, o feito de aceptar piropos dos estudantes, e de facer xogos románticos con eles, de facer as beiras e deixarse facer as beiras.
Que papel ten César Lombera na recuperación das irmáns Fandiño?
César Lombera é unha peza clave na recuperación das irmáns Fandiño. Maruxa morreu no 1983, e aínda que as dúas eran coñecidas por todos os composteláns, Lombera pensaba que merecían unha homenaxe, e que todos coñecesen a súa historia. Durante anos propúxolle ao Concello facerlles un monumento, e despois de nove anos de intentalo, finalmente Xerardo Estévez accedeu, xa nos anos noventa, a instalalo na Alameda. Ese foi o inicio da recuperación da súa memoria. Moitos tomamos conciencia de que había que contar a súa historia, porque non podían pasar á historia como "dúas tolas".
Con que materiais contaches para o documental?
Contamos con algunhas fotografías e un vídeo moi breve. E o resto do documental son as achegas da xentes que as coñeceu, ou que entendeu e estudou as circunstancias que tiveron que pasar, como Encarna Otero, o propio Lombera, Salvador García Bodaño, Bernardino Graña, Dionisio Pereira. E no documental aparece moito, evidentemente, a cidade de Compostela, que se erixe en protagonista.
Compostela ten moitos símbolos, evidentemente, pero as irmáns Fandiño poderían ser reivindicadas como símbolo de Santiago igualmente, non cres? Un símbolo vivo, humano, ademais.
Pois precisamente fala diso Farruco, que é o narrador do documental. Conta que no enterro de Maruxa, unha persoa que coñecía de tomar cuncas pola Rúa de San Pedro díxolle que en Santiago había dous monumentos: a Catedral e as Marías, pero que as Marías tiñan unha vantaxe, que eran un monumento vivo, real, algo que nunca debeu pasar pero que pasara; que eran verdade.